Os vixentes Estatutos do Colexio, despois de ser sometidos a votación pola Asemblea Xeral en sesión celebrada o 17 de abril do 2004, foron aprobados polo Presidente da Xunta de Galicia mediante Decreto 170/2004, do 7 de xullo, quedando expresamente derogados os aprobados mediante Decreto 69/2000, do 7 de abril.
O seu texto articulado constitúe a adaptación esixida pola Disposición transitoria da Lei 11/2001, do 28 de setembro, de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, e caracterízase polas seguintes notas esenciais:
-Recollen de forma pormenorizada o sistema de asignación de competencias e funcións entre os distintos órganos, así como o réxime de delegación e as normas de funcionamento.
-Adaptan a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, os procedementos para ditar actos de carácter administrativo, en relación co exercicio de funcións administrativas.
-Regulan o réxime económico -financeiro e orzamentario, establecendo as normas para a execución do orzamento.
-Fixan o procedemento de moción de censura, así como para a renovación cada catro anos dos cargos dos órganos de goberno.
-Por último, regulan o procedemento disciplinario adaptando a normativa estatal sobre o exercicio da potestade sancionadora.
Finalmente engadir, que de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 11/2001, do 18 de setembro, o noso Colexio por ser único e ter como ámbito de actuación a Comunidade Autónoma de Galicia, asume as funcións que a Lei atribúe aos Consellos Galegos de Colexios Profesionais. |