Galardóns Profesional Colexiado 2022

Galardóns Profesional Colexiado 2022

Unión Profesional de Galicia, asociación á que pertence o Colexio Oficial de Protésicos Dentais de Galicia, entregou pasado venres día 5 de maio de 2023, na Capela Real do Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela, os seus Galardóns Profesional Colexiado 2022.

Esta distinción pretende facer visible e recoñecer pública e conxuntamente a traxectoria dos profesionais colexiados dos diferentes ámbitos profesionais que foran exemplares no exercicio da súa profesión, que velaran pola excelencia na prestación de servizos á sociedade, que destacaran pola súa contribución ao prestixio da súa profesión e que traballaran para transmitir á sociedade galega os valores das mellores prácticas profesionais por enriba de intereses particulares.

Na entrega dos Galardóns “Profesional Colexiado 2022” á cal asistiu o presidente do Colexio D. Avelino J. Sanmartín Caamaño, foi homenaxeado  o colexiado Eliseo Manuel Vidal Grande, que foi proposto polo Pleno da Xunta de Goberno do Colexio ao abeiro do acordo acadado na Sesión Ordinaria Nº 1/2023, celebrada o 4 de febreiro.

O presidente de Unión Profesional de Galicia tamén aproveitou a ocasión para reivindicar o protagonismo das profesións e os profesionais. Neste sentido dixo que “os colexios son os órganos de representación dos profesionais, do mesmo xeito que os sindicatos representa aos traballadores e as patronais, aos empresarios”.

O acto ao que asistiron arredor de duascentas cincuenta persoas, foi pechado polo presidente da Xunta de Galicia, D. Alfonso Rueda Valenzuela o cal na súa intervención salientou a importancia dos colexios profesionais como organismos representativos dos profesionais que os integran.



error: contido protexido!
Falamos?